Buscar este blog

jueves, 27 de septiembre de 2012

¡¡ NON ERA TAN DIFÍCIL...SEGUNDO ELES!

Hoxe foi a primeira vez e, como todas as primeiras veces, o descoñecer como poden ser as cousas pon nervioso a calquera. Falo do cadradiño de Medio que tiñan que ter estudado. E cumpriron, a inmensa maioría cumpriu. Os cinco sentidos convertíronse en cento trinta e, os catro sabores, en oitenta e catro, máis ou menos, despois de preguntarllos a vinteseis nenos e nenas. Os que o souberon levaron na axenda unha nota onde escribiron, ben contentos, que todo saíra ben; e os que non o souberon tan ben levaron unha nota onde recoñecían que tiñan que repasar un pouquiño. Os nervos xogáronlle unha mala pasada. Mais estou segura de que, a partires de hoxe, todos experimentaron que non era tan difícil, decatáronse de que a súa memoria é infinita e comprobaron persoalmente que a mestra non riñe por non saber ou por saber e esquecer o que se sabe. A mestra está contenta cos seus alumnos, rapaces e rapazas que ven cousas da vida por primeira vez. E eu con eles.

martes, 25 de septiembre de 2012

¡LLUEVE...!

Antes de nada darvos as grazas a todas as mamás e a todos os papás que viñeches onte á reunión. É difícil para min falar de xeito xeral de 26 alumnos e alumnas sabendo que cada un deles é unha persoa cunhas cualidades específicas. Sempre, por medio da palabra, poden cometerse inxusticias no sentido de que xeneralizar pode conlevar dar información que non se axuste a unha persoa en concreto, os vosos fillos e fillas. Aproveito tamén para comentarvos que sinto moito como rematou a reunión. A vida sempre é unha caixa de sorpresas, ás veces moi agradabeis, ás veces...non tanto. Hoxe traballamos tanto como sempre. Aclarei, por se houbese algunha dúbida, cando e por que tiñan que levar a casa o traballo que non acabaron no tempo de clase, máis esas aclaracións foron demais porque, afortunadamente, 25 de 26 nenos xa o tiñan moi claro. Son aínda pequenos. Algunhas veces, se cadra, oen pero non escoitan. Pásanos a todos, ou non?

miércoles, 19 de septiembre de 2012

¡VAI CALOR NESTE REMATE DO VERÁN!

Ademais de libros, cadernos, fichas e pizarra dixital desfrutamos estes días dunha temperatura que fai suar dabondo, máis do que se quere. Cando os vosos fillos e fillas suben do recreo parecen recén salidos da ducha, é por iso que sempre lles pido que traian unha botella de auga fresca. Estreamos libros que comezan repasando contidos que xa coñecen. Rin satisfeitos por coñecer cousas que ata hai pouco tempo nin siquera existían para eles. É fermosa a risa dos nenos. Non lles sae da garganta senón do corazón. Sería estupendo que sempre puidesen soar nosos oidos as súas gargalladas. Apagarían tantos sons desagradabeis...Igualmente son fermosas as palabras ben lidas, palabras que abranguen tantas cousas...Sería estupendo que seguisen lendo todos os días sen faltar nin un. Esa lectura diaria abriralles portas que os levarán ata onde queiran chegar. Ogallá que si.

lunes, 17 de septiembre de 2012

¡ESTREAMOS LIBROS E OUTRAS COUSIÑAS!

Hoxe olía a papel novo na clase. Os libros deixaron de estar pechados para ensinarnos outras palabras, outras contas, outros animais...A pizarra foi máxica de verdade e quixo estar connosco todo o tempo, é unha boa axuda e compañía para os libros de texto. Comezamos hoxe a creación dun volumen que, ao rematar o curso, veredes convertido nun gran libro de historias ilustradas polos vosos fillos e fillas. Para facelo cada día levarán unha lectura na carpeta das fundas para que lean na casa e fagan un debuxo coloreado pola parte de atrás, así participarán dun xeito activo e real na confección do libro: eles ilustran, as mestras contamos. Penso que tanto  a vós como aos vosos fillos pode facervos ilusión este traballo.Será moi bo que sigan lendo todos os días un pouquiño porque semella que o verán, para algúns, levou a soltura e a rapidez lectora xunto as ondas da praia. Estou segura de que, pasados uns días, volverán ao momento lector no que estaban no final de primeiro para, a modiño, ler tan ben como lían hai uns meses. Como o curso pasado, poden traer un libro de casa para o Plan Lector e no mes de outubro poderán levar a casa libros prestados pola biblioteca do colexio. Cando os vexo traballar sinto que estas primeiras mañanas son, se cadra, longas de máis para uns nenos e nenas que aínda teñen o son do mar e a area da praia moi recentes.

jueves, 13 de septiembre de 2012

¡ COLLENDO RITMO!

Este segundo día de cole veu cargadiño de calor, de moita sede, plastilina e un ditado. Hai que ir pouquiño a pouco collendo ritmo como fan os deportistas antes de comenzar unha nova etapa. Hoxe  apizarra dixital non foi máxica para nós. Por moito que o intentamos ela non quiso colaborar. É teimuda como unha mula cando non se acolle a razóns. Tiña pensado que a última hora da mañán podían ver un documental interesante ou, se cadra, un cachiño de algunha peli entretida, mais nin un nin outra, quedámonos con cara de non saber que facer ante unha máquina que non sempre quere obedecer. É reconfortante para mín saber que o encerado de pizarra e o xiz branco nunca se rebelarán, que sempre estarán aí para axudarme cando as novas tecnoloxías se tomen o día libre. A ver mañana...

miércoles, 12 de septiembre de 2012

¡XA ESTAMOS DE VOLTA!

Pois aquí estamos de novo os vosos fillos e fillas e máis eu, comezando un curso que, seguro, nos regalará moitos momentos felices a todos. Hoxe foi día de reencontros, de bicos e de ledicia. Pouco a pouco empezaremos a coller o ritmo de traballo axeitado para segundo de primaria. En pouco tempo tédelos na porta da universidade ou nos seus postos de traballo. Camina deprisa o tempo. Quero darvos as grazas pola vosa colaboración á hora de traer o material para os vosos fillos. Levan na axenda unha nota cunha petición dunha libreta de pentagramas, o novo profesor de música, Vicente, quérea para traballar con elas na súa clase. En xuño as titoras non sabiamos nada, a súa petición fíxoa agora, no mes de setembro. Temos un novo compañeiro, Víctor , que seguro que axiña sentirase integrado na súa nova aula. Seguro que si. Unha nena da clase, Alba Bermúdez, regalou a todos os nenos e nenas  un lapis, agasallo que agradeceron de verdade. É bonito estar aquí de novo. É bonito estar. Velaí vai unha foto de todos eles, pequenos xigantes que medran como días de primavera.