Buscar este blog

jueves, 20 de junio de 2013

¡ FOI UN PRACER!

Cando coñecín aos vosos fillos e fillas eran pequenos como días de inverno, dous anos despois deixoos como días de auténtico verán. Neste tempo o meu principal obxectivo foi intentar que viñesen contentos ao cole sabendo que ían a aprender moitas cousas novas. Oxalá conseguira a primeira parte porque, a segunda, si está conseguida. Se recordan a reunión xeral que tivemos en 1º lembrarán que falamos de que os rapaces eran como esponxas, son quen de asimilar conceptos e coñecementos cunha facilidade envidiable. E así foi. Estou segura de que o vindeiro curso será para eles un fermoso paso hacia adiante. Eles son os camiñantes máis ilusionados do mundo. De cada un deles aprendín e síntome agradecida. Eles xa saben que eu sempre estarei aí vendo como medran ditosos. Foi un pracer ser a súa titora. Foi estupendo estar con eles. Ata sempre.



miércoles, 19 de junio de 2013

¡ UN AGASALLO MOI ARTÍSTICO!

Hoxe levámonos todos unha gran sorpresa ao vernos docemente reflexados nunhas galletas personalizadas feitas pola mamá dunha compañeira da clase, Alba Berbúdez Vilariño. Un por un fomos vendo como a nosa persoa estaba feita de cores e de agarimo. Con todos os detalles. Pedínlles aos seus fillos e fillas que non a comesen ata chegar a casa para que vostedes tamén vesen esa "pequena obra de arte". Dende aquí quero agradecerlle outra vez a súa autora o seu traballo e esforzo. Eu nunca vira tal cousa. A súa saúde.


martes, 18 de junio de 2013

¡ FOMOS DE TERCEIRO !

Hoxe os vosos fillos e fillas foron de terceiro o tempiño que estiveron nesa aula. Estiveron vendo como é a clase, como serán os seus pupitres individuais, as súas pizarras...Os alumnos deste curso explicáronlles que, aínda que é un pouco máis difícil que segundo, estudando non teñen porque ter "medo" de pasar a segundo ciclo. Fixeron o recorrido que farán o vindeiro curso: entrada distinta e distintas escaleiras. De volta a nosa clase volveron a ser, polo menos durante estes días, os nenos que coñecín hai pouco e que hoxe foron de terceiro.

lunes, 17 de junio de 2013

¡VAI POR TI, CARMEN!

Nunca gustáronme as despedidas e, moito menos cando se trata de sorrisos infantís. Ao final do curso unha nena estupenda, Carmen, cambiará de aires para o vindeiro ano. Estou segura de que estará moi contenta no seu novo fogar, no seu novo colexio. Estou segura de que as persoas que a coñezan saberán apreciar a bondade inmensa do seu corazón, esa bondade natural e sinceira que so teñen as almas inocentes. Para min foi un pracer coñecela e ser a súa titora, querela é algo inevitable. Permítanme que esta entrada sexa dedicada a ela. Grazas por ser como es, Carmen.





miércoles, 12 de junio de 2013

¡ ERA POLO CANSANCIO!

Afortunadamente e como era de agardar o "exame" de Lengua saiu moi ben. En xeral. Como poden comprobar vostedes mesmos os seus fillos-as son quen de facer ditados dunha lonxitude e dificultade axeitada para a súa idade. Así mesmo xa teñen interiorizados conceptos de lingua que lles serven de base importante para terceiro de primaria. Valorar a súa caligrafía xa é máis complexo. Vostedes, coma min, coñecen perfectamente a letra dos seus fillos e, aínda que todavía poidan estar reafirmandoa, moitos deles poden acadar unha mellor caligrafía. Para iso, ademais dos exercicios que facemos na clase, non hai nada mellor que practicar cada día un pouquiño. Non se trata de facer unha letra perfecta, pois quen decidiría cal é esa utópica perfección, senón tratar de facer o mellor que se poida a letra que cada un teña. Ese é, para min, o verdadeiro e posible obxectivo. Ese é, ese foi un dos meus propósitos ao longo do curso. Entre tantos...

lunes, 10 de junio de 2013

¡ O QUE FAI O CANSANCIO!

Acabo de correxir os "exames" de Matemáticas e quero pensar que os erros cometidos polos vosos fillos teñen que ser debidos ao cansancio. Tiveron dúas horas e media para facelo, creo que é tempo de sobra para realizar uns exercicios que fixeramos moitísimas veces na clase. Expliqueino antes de facelo para poder explicar as dúbidas que puidesen surxir e así fixen con todas as que me preguntaron. Pedínlles por favor que puxesen moita atención, que non tivesen présa por facelo, que fosen a modo pero sen pausa. Mais semella que non me escoitaron todo o ben que debían. De todos os xeitos xa saben que as notas avalian o traballo, o esforzo e o comportamento de todo o trimestre. E que ben que sexa así.

jueves, 6 de junio de 2013

¡ A SAIA DE CAROLINA...!

Esta mañán os vosos fillos e fillas asistiron ao Conservatorio de Culleredo para escoitar as lindas










cancións que o Coro cantou para eles. Levaban ensaiada a canción " A saia de Carolina" e puideron demostralo cando a encargada do Concerto lles animou a cantala. Algúns deles puideron subir ao escenario para acompañar aos membros do Coro na súa actuación. Sería marabilloso que, despois desta saída, comprendan mellor que nunca a importancia do son e tamén do silencio. Con el as palabras soan máis claras e fermosas.

miércoles, 5 de junio de 2013

¡ AGORA QUEREN SER BOMBEIROS!

Na visita de onte ao Parque de Bombeiros os vosos fillos e fillas pasárono realmente ben. O encargado de estar connosco, Ricardo, foi un anfitrión excepcional xa que soubo chegar a eles dende o primeiro momento. Tiveron a oportunidade de montar nun camión, de facer soar a serea que moviliza a todo o Corpo, de botar auga cunha mangueira xigante, de escoitar bos consellos para escapar do lume...Pasounos o tempo voando. Ao marcharen agasallarónlles con varios recordos do seu paso polo Parque de Bombeiros. Mais penso que esta visita non a esquecerán facilmente. Agora algúns deles queren ser bombeiros!