Buscar este blog

jueves, 25 de abril de 2013

¡ENTRE SOL E SOMBRA!

Así pasou o día, entre sol e sombra, entre voces e silencios, entre palabras e táboas de multiplicar. Como xa saberedes polos vosos fillos e fillas estes días comezaremos cos "exames" de Mate, Lengua e Língua. O de Medio levarano mañán para que sexan asinados por vostedes. O dobre traballo de repetir o que non corrixen ben deu os seus bos froitos, tal e como eu esperaba. A gran maioría dos rapaces xa poñen toda a súa atención á hora de correxir. Ben é certo que o uso do boli tamén axudou, e moito, para que eles o fagan tan ben como saben facelo. Algúns deles, cando escriben co boli, fan unha letra distinta á que fan se escriben co lapis, pero estou segura de que, co paso dos días, conseguirán facer a letra como sempre. Váiselles notando un pouco cansos. Unha mañá dá para moito cando o tempo está ben aproveitado.

martes, 23 de abril de 2013

E ALGÚNS DÍAS DESPOIS...!

Despois de varios días sen contarvos as cousiñas dos vosos fillos e fillas quero decirvos que todo vai indo bastante ben. Seguemos a traballar coas táboas de multiplicar( se fosen carpinteiras e carpinteiros algúns deles xa terían chegado a ser ebanistas), facendo ditados e correxíndoos con moitísima máis atención, pois moi poucos rapaces seguen a facer as copias por non telos ben correxidos; estudando Medio e aprendendo as súas leccións; lendo contos aos pequerrechos de Infantil; escribindo experiencias na mochila viaxeira; vendo documentais e actuacións de baile galego dun compañeiro da clase, Xabi, que baila de marabilla, mellorando a expresión escrita e oral na língua específica da nosa Comunidade...e falando moito, moito, diría que de máis na maioría dos nenos, non todos, comportamento (dos alumnos que saben calar cando hai que calar) que agradezo de corazón porque o tanto falar non é nada bo. Parece que chegou, por fin, a primavera.

miércoles, 10 de abril de 2013

¡ ENTRE MULTIPLICACIÓNS E DÍAS DE CHUVIA!

Así pasamos o tempo adicado ás Matemáticas, reforzando as contas de multiplicar, aprendendo táboas novas e intentando resolver os problemas que teñen, afortunadamente, sempre solución. As aprendizaxes de Medio van aumentando día a día dun xeito moi satisfactorio. Aproveitan o Plan Lector, ademais de para desfrutar dun tempo de imaxinacióne aventuras, para mellorar a súa língua galega. Estou segura de que, a modiño, serán quen de falalo igual de ben que a língua castelá. So é cuestión de tempo e teñen todo o do mundo. Aproveito esta entrada para pedir desculpas polos erros que eu poida cometer  á hora de correxir exercicios ou "exames". Ás veces o meu interés por correxir todo todos os días ten como consecuencia equivocacións nas miñas correccións. Agradezo os seus comentarios ao respeito porque me serven para intentar mellorar cada día tendo presente o famoso dito "vísteme despacio que teño présa". Segue a chover mais a primavera xa está connosco.

domingo, 7 de abril de 2013

¡COMENZO DA RECTA FINAL!

Os vosos fillos e fillas comezaron xa o traballo nos libros do terceiro trimestre. Este último tramo do curso é importantísimo para a súa axeitada preparación para a entrada no terceiro curso de primaria. Están a traballar moito tamén na libreta. Como sabedes moitos deles xa escriben co boli azul. O seu uso depende da atención que poñan á hora de facer ditados, copias, escritos...Verdadeiramente penso que o seu esforzo neste aspecto pagará a pena. Esa é a miña única intención cando lles mando copiar na casa aquilo que eles non correxiron ben. En Coñecemento do Medio seguen a estudar os cadros que resumen os puntos máis importantes da unidade. Mañán farán o da última lección do libro do segundo trimestre, a que trata dos tipos de paisaxe. Estou segura de que lles sairá moi ben. Como novidade contarvos que, durante este trimestre, aqueles nenos e nenas que así o queiran, baixarán a Educación Infantil despois do recreo para lerlles un conto aos rapaces de tres anos. É unha experiencia proveitosa para os vosos fillos. Amosan o ben que len e alegran os oídos dos máis pequenos coas historias que lles contan. Son, sen ningunha dúbida, pequenos grandes lectores.

martes, 2 de abril de 2013

¡ LONGA E PROVEITOSA RECTA FINAL!

Hoxe os vosos fillos e fillas comezaron o terceiro e último trimestre estreando cadernos de traballo. Tamén empeza para eles unha etapa onde aqueles que corrixan debidamente e fagan boa letra ( cada un a súa, por suposto) poderán usar bolígrafo azul para facer algunhas tarefas como copias, redacións...É dicir traballos onde eles teñan a posibilidade de poder escribir seguindo unhas pautas escritas na pizarra e que, se poñen a atención suficiente, permítenlles facelo sen cometer ningún erro. Polo tanto o uso do boli dependerá deles, da súa atención e motivación. Seguiremos coa rutina de estudo de Coñecemento do Medio, multiplicacións, ditados, exercicios de língua escritos e orais...e moitas aprendizaxes máis que, pouco a pouco, nos levarán a acadar todos os obxectivos para este curso. Máis que nunca temos que pedirlles todo o seu esforzo á hora de traballar. Seguro, seguro que terán a súa boa recompensa. Iso é o que espero e desexo.