Buscar este blog

jueves, 28 de febrero de 2013

UNHA DE TEATRO!









Hoxe pasamos un rato estupendo asistindo á representación da obra teatral " A accidentada aventura dun aviador sen cordura". A verdade é que en pouquísimas ocasións tiven a sorte de ver un espectáculo tan sinxelo, tan orixinal e tan entretido. Dous actores foron quen de encher un escenario, acompañados dun técnico de son e luz formidable. Na obra houbo cancións, risas, movemento, imaxinación, un texto moi axeitado para rapaces desta idade...Pasounos o tempo voando, como aos protagonistas da obra, Aurora e Noar. Que bonito é desfrutar dun espectáculo así. Oxalá non deixen de existir nunca. Os nenos merecen todo o mellor.

martes, 26 de febrero de 2013

¡ CAMBIO DE RUMBOS!

Como veriades na axenda dos vosos fillos e fillas, de hoxe en adiante, o xeito de correxir os ditados cambiará, espero que para mellor. Ata agora, despois de facelo, eu escribíao na pizarra e eles correxíano suliñando de vermello a palabra ou palabras que escribiran mal; mais os resultados non melloraban como eu agardaba. hoxe xa o fixeron doutra maneira: despois de que xa o teñen escrito nos seus cadernos e despois de escribilo eu nas dúas pizarras eles teñen que borrar o que estea mal e co lapiz escribilo correctamente, tal e como está escrito nos encerados. Pois, sorpresivamente, nada máis que dous deles foron quen de correxir ben os seus ditados. A falta de atención é a causa destes erros. Para intentar mellorar a súa capacidade de atención é polo que mandeilles volvelo a copiar na casa, se é posible sen ningunha falta de ortografía. Estamos nun momento do curso onde teñen que facer un esforzo por atender, por preguntarme cando non entendan, por estar calados cando o silencio sexa máis necesario que as palabras...Para que todo saia o mellor que poida saír. Aproveito para comentarvos que as correccións dos "exames" sorprendéronme bastante xa que, a maioría, non están como eu esperaba que estivesen. Hai conceptos que aínda non están nin intentidos nin, consecuentemente, interiorizados. hai dúbidas que nunca saen a relucir porque raramente recoñecen ter algunha a pesar de que eu insisto e insisto despois de cada explicación. Hoxe foi un día frío e invernal. Mais pronto chegará a primavera. Non si?

domingo, 24 de febrero de 2013

¡OS NENOS CON ROSALÍA!








Este venres celebramos no cole o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Para iso os vosos fillos e fillas prepararon unha poesía titulada "O niño" que foi lida no patio, en representación de toda a clase, por dous compañeiros da mesma, Sofía e javi, diante de todos os alumnos do cole.Lerona de marabilla. estou segura de que Rosalía estaría encantada escoitándoos. Foi unha ceremonia bonita aínda que, para a miña humilde opinión, a escritora de Padrón non é unha autora doada para os raparigos destas idades. Mándovos unhas fotos disto que vos conto. Como sempre vos digo, oxalá que vos gusten.

jueves, 21 de febrero de 2013

¡ SE CADRA...!

Esta semana os vosos fillos e fillas estiveron a facer varios "exames". Polo que vou corrixindo semella que foron máis difíciles do que eles crían, sobre todo o de Mate. Mañán, venres, farán o de Lingua Galega. Hoxe remataron o de Mate que comezaron onte e fixeron tamén o de Lingua Española. A maioría deles, polo que me dixeron, non estudiaran moito o día anterior e veuse reflexado no que algúns fixeron. Tanto traballamos estas unidades, tantos exercicios e, ao final, non lembran a diferencia entre sustantivos individuais e colectivos. Se cadra son pequenos de máis para teren que saber estes conceptos por moitas explicacións e moitos repasos que se lles dean. Se cadra as persoas que deciden os contidos das diferentes materias xamais estiveron dando clase nunha aula real, non virtual. Se cadra os adultos non nos decatamos de que, aínda que sexan como esponxas, que o son, teñen todavía e afortunadamente a esencia de raparigos que tamén necesitan o seu tempo de xogo, moito tempo de xogo. Se cadra tocoulles medrar nunha sociedade onde todo tense que facer ás presas e onde, ao mellor, fanse máis cousas das que se poden. Mais todo o que dixen pode ser, se cadra.

domingo, 17 de febrero de 2013

¡ENAMORADOS!

O venres algúns dos vosos fillos e fillas recoñeceron o seu estado amoroso mostrando as prendas de cor vermella que trouxeron. Mais as súas "confesións" son segredos que, pola miña parte, non serán descubertos. Unha compañeira, Alba Bermúdez, agasallounos cuns chupas formando un bonito ramillete adornado cun gran lazo. Houbo trocos entre eles debido aos distintos sabores que tiñan os chupas. Entre amores e agarimos seguimos a avanzar coa multiplicación. A maioría deles son quen de facer contas bastante difíciles para a súa idade. penso que as táboas do 2 e do 3 xa están suficientemente memorizadas polo que, a modiño, irán aprendendo as demais. Mañana, luns, terán o "exame" de Medio da unidade 6. Souberon case todos moi ben os cadradiños que ía preguntando cada día, así que estou segura de que non haberá problemas á hora de realizalo. Pasou o Entroido. Pasa todo tan deprisa...

viernes, 8 de febrero de 2013

¡MAIS SIGO SENDO EU!








Hoxe a ilusión vestiuse de festa. A que tivemos no cole para celebrar estes días nos que as persoas deixan de ser o que son para seren, se cadra, o que quixeran ser. Policías, heroes, princesas...Cada un ao seu gusto. Estaban ben guapos, esa é a verdade. Moitos deles fixeron, ademais, un gran esforzo erguéndose antes de tempo para preparar os seus difraces e as súas maquillaxes. Traballaron un pouquiño, leron, comeron doces típicos do Entroido e xogaron, moito. Mándovos unhas fotos para que vexades que non minto. Aproveito para dexesarvos uns días de ledicia e moitas risas.

¡MENUDOS BAILARINES!







Onte quixen mandarvos algunhas fotos da saída dos vosos fillos e fillas ao palacio da Ópera para ver "O Crebanoces", pero por algún motivo informático que sinceramente descoñezo non se me enviaban. Espero que vos gusten moito aínda que vaian cun pouquiño de retraso. Co paso de tempo seguro que a eles tamén lles gustará moito velas e lembrar para non esquecer nunca os nenos e nenas que foron.

martes, 5 de febrero de 2013

¡O CREBANOCES!

Como xa sabedes mañán, mércores, os vosos fillos e fillas acompañados doutros nenos e as súas titoras asistiremos a un concerto na Coruña. Onte estiveron a traballar sobre el para coñecer un pouco a música que van a escoitar. Espero que desfruten moitísimo dela e saian do concerto coa alma enfeitizada polos sons. semella que esta semana vai de celebracións pois o venres os rapaces disfrazaranse no cole, despois de facer Educación Física, por iso teñen que traer o disfraz nunha bolsa. Óscar deixaralles dez minutos para que se cambien no ximnasio e poidan ser durante unhas horas persoaxes que eles elixiron ser. Non se lles permite traer complementos do disfraz ( espadas, obxectos puntiagudos...) ou calquera outro que poida facer dano. O que si deben e poden traer é ledicia e ganas de pasalo ben. Seguro que tamén será para eles outra ocasión para desfrutar moito. Oxalá que si.