Buscar este blog

lunes, 26 de noviembre de 2012

¡ESTUDAR E ESTUDAR!

Esta semana os vosos fillos e fillas comezan os exames de Lengua, Lingua, Mate e Medio. Realizaranos por ese orde, mañán Lengua, o mércores Lingua, o xoves Mate e o venres Medio. Eles xa levan apuntadas nas súas axendas estas datas. Creo que os nervos xa os perderon, o que lles vai quedando por aprender nestes días de exames é que teñen que facelos en silencio e  sen ollar para o compañeiro que estea a súa carón. Esa é a actitude que precisan aprender para mellorar e iso é o que pretendemos as mestras de 2º á hora de facer estes "exames". Estou segura de que todo sairá ben porque todo vai saíndo ben: os rapaces traballan moito diariamente, aprenden os cadros de Medio de marabilla, miran os reloxos entendendo o que estes queren dicirlles e a gran maioría xa sabe a importancia de pagar as débedas nas contas de restar. O tempo específico adicado á lectura no diario Plan Lector está dando resultados estupendos, xa hai moitos nenos e nenas que, afortunadamente, xa descubriron por eles mesmos que ler é un verdadeiro pracer. Cada día temos máis cousas en común. Cada día é unha nova oportunidade para desfrutar das pequenas grandes cousas. Como fan eles. Como quero seguir facendo eu.

jueves, 22 de noviembre de 2012

¡LIBROS MOI VIVOS QUE DEIXAN MORRER!

Refírome ao libro que lles recomendei ás vosas fillas e aos vosos fillos e que está cheo de anécdotas, datos curiosos, novas interesantes para nenos...e que, segundo me dixo hoxe unha nena da clase, xa estaba descatalogado. Cousas raras que non entendo, deixar de imprimir libros que, de verdade, lles gustan aos rapaces. De todos os xeitos estouno a utilizar para facerlles os ditados, ao tempo que o fan van aprendendo sen decatarse. Creo que lles gusta moito, polo que me din. Día a día seguen a dicirme o aprendido en Medio cunha facilidade tremenda. Como vos contaba ao principio de curso, eles, afortunadamente son como "esponxas" que interiorizan coñecementos como aquelas empápanse de auga. Envexa me dan, para que vou a mentirvos: pola súa natural capacidade para aprender, pola memoria infinita que semella non ter fin en moitos casos, por tardar tanto e tanto en sentirse cansos...As contas de restar seguen devolvendo o que deben aínda que algúns, ás veces, non lembran a xusta devolución, o que nos pasa algunhas veces a todos, non si? Como xa viches na nota que levaron na axenda parece que os piollos apareceron sen ser invitados, que visitas tan pouco agradecidas! Mirade, se vos parece ben, a cabeza do voso fillo ou filla habitualmente para intentar evitar todas as molestias que lles poidan causar estes visitantes tan pouco queridos. Cunha pouca precaución e prevención está solucionado. Eu tamén estarei moi pendente. Dos vosos fillos claro!

jueves, 15 de noviembre de 2012

¡ COMO VAN AS COUSAS!

Pois a verdade que bastante ben. Os vosos fillos e fillas seguen a aprender algo novo cada día. Hoxe, por exemplo, aprenderon a comprender que as persoas adultas tamén saben e queren xogar e como a neve caeu na cabeza dunha delas nun día no que o sol foi tamén protagonista. Decirlles que volo expliquen ao seu xeito porque a min, coa idade que teño, se me fai difícil. Seguimos co repaso do tempo co noso reloxo xigante, parece que os cuartos, as medias e as en punto comezan a estar ben colocadas as súas horas. Afortunadamente xa podemos usar a pizarra dixital, creo que, por fin, arranxaron definitivamente o cañón que estaba estropeado. ¡Menudo nome para un aparato tan pacífico! As contas de restar levando vanse adaptando pouco a pouco ás mentes duns nenos e nenas de seis ou sete anos que tan ben saben que hai que devolver o que se pide prestado. O libro APDI está sendo un verdadeiro éxito, motívalles e ensinálles ao tempo que eles desfrutan. Creo que iso é un bo aprendizaxe. Ou non?

lunes, 12 de noviembre de 2012

¡ MENUDOS ESCRITORES, ESCRITORES MENUDOS!

E que ninguén se engane, estou a falar dos vosos fillos e fillas á hora de rematar as historias que levan os venres para casa. Os luns escoitámolas e quedo sempre de pedra porque o que escoito está tan ben escrito que, ás veces, penso que non poden ser eles os autores. Se así fose habería que ir pensando en facer algo con elas porque, de verdade, que algunhas parecen estar escritas por adultos que escriben moi, pero que moi ben. A miña idea con este traballo era simplemente que, a súa maneira e coa súa maneira de expresarse, escribiran e comezaran a comprobar que eles son quen de escribir en galego aínda que tivesen moitas faltas, iso era, é o de menos. Por iso pido aos seus axudantes que os deixen sos á hora de facer estas fichas, que non lles corrixan nada porque que o que sae deles mesmos nunca pode ser malo. Se cadra faltan acentos ou letras como o "b" e o "v" xogan a despistar, mais todo ten un bo fin: eles aprenden sabendo que os erros son unha parte importante no seu aprendizaxe. E que se seguen redactando así teredes que ir pensando en buscarlles un representante. De verdade que si.

domingo, 4 de noviembre de 2012

¡UF, QUE MEDO!











O mércores celebramos no colexio a festa do Samaín. Como ben sabedes aqueles dos vosos fillos e fillas que quixeron viñeron disfrazados. Houbo de todo un pouco mais os disfraces que querían dar medo foron os maioritarios. Antes de que soara o timbre para ir xogar unha compañeira dos vosos fillos, Alba Bermúdez, repartiu a cada un de nós un pastel-momia de receita caseira e unha gominola coa forma de dentadura de vampiro. Todos llo agradecimos coa nosa palabra máxica:"gracias". Con ela nacen moitos sorrisos. Despois do recreo cantaron no patio, xunto a todos os demais nenos do cole, a canción que prepáraramos na clase, algúns deles incluso facendo uso do micrófono que a profe Eladia lles prestara. Comeron as castañas asadas ben quentiñas no patio e xogaron desfrutando desa conmemoración. Creo que o pasaron ben. Para non mentir...de medo!